Teatro Medieval
A orixe do teatro en España xira en torno a dúas festas relixiosas: Nadal e Pascua de Resurrección. Ó final das cerimonias relixiosas adoitaban representar xunto ó altar algunhas escenas da vida de Xesús. Pouco a pouco vanse introducindo nestas escenas elementos profanos alleos á relixión, converténdose en verdadeiras representacións teatrais, pasando a ser representadas nos atrios das igrexas. Finalmente os elementos profanos superan ós relixiosos e o teatro convértese nun espectáculo para o pobo, representándose xa nas prazas públicas.
A Festa o Misteri d’Elx constitúe unha das pezas claves do teatro relixioso europeo de orixe medieval, celebrada cada ano durante os días 14 e 15 de agosto no interior da Basílica de Santa María da cidade de Elche. A representación está inspirada en varios textos tomados dos Evanxelios Apócrifos, moi populares durante a Idade Media, e describe a Morte, Asunción e Coroación da Virxe María e no seu conxunto presenta numerosos aspectos artísticos e históricos dignos de consideración. Trátase da única obra do seu xénero que se seguiu representando ininterrompidamente ata a actualidade.
O modelo do Misterio de Elche, bosquexos de escenografías e de figuríns de obras como La Pasión de Olessa, Auto de Navidad, Vida, pasión y muerte de Nuestro Señor Jesucristo, son pezas destacables na sala do museo e constitúen auténticos exemplos da pervivencia destas representacións nos nosos días.
A Celestina
A obra atribuída a Fernando de Rojas é un dos grandes tesouros da literatura española e, segundo os especialistas, foi presentada entre o 21 de maio e o 21 de xuño de 1499. Narra unha historia de amor e as artimañas dunha alcaiota universalmente coñecida, a Celestina. Calisto, Melibea e os seus criados atópanse inmersos nunha traxedia que foi pioneira non só nas letras, senón que segue inspirando ós grandes creadores do teatro universal.
Cayetano Luca de Tena, Luis Escobar, José Osuna, José Tamayo e Adolfo Marsillach son algúns dos grandes directores que a levaron con éxito ós escenarios. Irene López Heredia, Milagros Leal, Irene Gutiérrez Caba, Amparo Rivelles e Nati Mistral foron as grandes actrices que interpretaron a Celestina.
O retrato da actriz Milagros Leal no personaxe de “Celestina”, modelo de Sigfrido Burman para La Celestina e abundante material gráfico (fotografías, programas, etc.) compoñen esta sección.


, 
English
Spanish
Catalan
Gallego
Basque
Valenciano