O Museo Nacional do Teatro é de xestión exclusiva do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e unha Unidade do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).

O Edificio

Os Pazos dos Mestres (Palacios de los Maestres), situados ó lado norte da Praza Maior de Almagro, foron construídos a mediados do medievo como residencia dos frades legos e cabaleiros da Orde de Calatrava e sede do Gran Maestre. No século XVI pasou a ser a residencia do Gobernador de Almagro e no XVIII foi cuartel de cabalería. En 1802 parte dos pazos quedou convertida no novo convento prioral da Orde ata 1816. Posteriormente, coa desamortización de Mendizábal, o edificio pasou a mans particulares e foi desmantelado.

Na súa orixe os Pazos Mestrais (Palacios Maestrales) comprendían un complexo de edificios para as distintas funcións: residencia conventual, sede política e centro administrativo da mestría de Calatrava (maestrazgo de Calatrava).

Da súa traza orixinal consérvase un gran torreón na esquina, construído en mampostería encintada, e un magnífico patio central arqueado, con arcos de ferradura, realizados en ladrillo e enmarcados cun alfiz e apoiados sobre os seus primitivos soportes en forma de pequenas columnas, na panda norte; e de pilares cadrados de pedra, nas pandas leste e oeste. Nunha da súas galerías consérvanse as zapatas e un alfarxe polícromo con heráldica do século XV.

Tras a cesión do Concello de Almagro dos Pazos dos Mestres para sede do Museo Nacional do Teatro en 1994, foron importantes as obras que se viñeron desenvolvendo para adecuar os restos dun edificio histórico ás necesidades que require un museo do noso tempo.

As obras de rehabilitación dos Pazos dos Mestres, a cargo do arquitecto Horacio Fernández del Castillo, supoñen a finalización do proceso de recuperación dun edificio de gran relevancia histórica na Mancha e a cidade de Almagro, así como un lugar de referencia para estudosos e amantes do teatro.

Superada a fase na que se realizaron estudios do terreo, con prospeccións e supervisión arqueolóxica en previsión de que o terreo tivese restos de interese histórico, procedeuse ás labores de acondicionamento do edificio, respectando as súas características orixinais e acondicionándoas ó novo uso.

O proxecto de rehabilitación e ampliación inclúe a restauración completa do antigo claustro, a edificación das novas instalacións do museo en torno ó patio traseiro e a rehabilitación da cruxía da rúa Gran Maestre para acceso, biblioteca e sala de pintura.

O novo museo ocupa unha superficie de 2.213,68 metros cadrados, en tres alturas, distribuídos en salas de exposición nas tres plantas, biblioteca, almacéns en soto e entreplanta, oficinas en planta superior e torreón, e finalmente, claustro mudéxar para a realización de exposicións temporais e outras actividades.

Como complemento á súa programación habitual, o Museo, grazas ás cesións do Concello de Almagro, empregará a veciña igrexa de San Agustín como espacio expositivo e o antigo Silo como almacén.

Finalidade do Museo Nacional do Teatro

Pola riqueza dos seus contidos e por tratarse do único dedicado en exclusiva á historia da actividade escénica no noso país, a finalidade do Museo Nacional do Teatro é a exhibición do legado cultural que, sobre a creación teatral en todas as súas manifestacións, se produciu en España dende as súas orixes.

A creación de novos servicios e instalacións, como a biblioteca, permitirá a consulta e investigación a un público máis especializado. Tamén as actividades pedagóxicas atenderán as necesidades dun público escolar, sen esquecer o interese e a curiosidade dun público máis amplo que ano tras ano asiste en Almagro a unha das manifestacións teatrais máis asentadas no noso país como é o Festival Internacional de Teatro Clásico. A súa veciñanza co Corral de Comedias (século XVII) é un aliciente máis para os amantes do teatro.

Os fondos

Os fondos do Museo Nacional do Teatro supoñen un percorrido histórico que se inicia co teatro greco-romano e transcorre polo teatro medieval con especial interese no Misterio de Elche e a Celestina, para continuar co teatro dos Séculos de Ouro, os corrais de comedias, a actividade escénica do século XVIII, o Romanticismo e Don Juan Tenorio como expoñentes da actividade escénica do século XIX, as vangardas do século XX e o teatro de Arte, a ópera, a zarzuela, a danza e o xénero frívolo, para finalizar coa creación dos Teatros Nacionais e os Festivais de España.
Ver exposición permanente.

As súas coleccións son un valioso material para o coñecemento das artes escénicas e dos artistas e creadores que poboaron os nosos escenarios. Destacan as máis de 8.000 obras sobre papel: escenografías, figuríns, debuxos e estampas. Completan a riqueza museística as coleccións de pintura, escultura e fotografía (máis de 25.000 instantáneas dende 1870), traxes (máis de 2.000 dende finais do século XVIII), maquetas, teatríns, arquivo musical, documentos administrativos e programas de temporada de distintos teatros españois.
Ver coleccións.

Comments are closed.